Friday 17 de May de 2024

A alcaldesa reuniuse no salón de plenos con alumnado de Primaria do CPR Jorge Juan


Unha vintena de escolares de sexto curso de Primaria do colexio Jorge Juan visitaron onte o Concello acompañados por dúas docentes do centro. Os menores visitaron as instalacións da Policía Local e do Arquivo municipal, na Casa Consistorial, e tamén o salón de plenos, onde se reuniron coa alcaldesa, Marián Ferreiro. A visita enmárcase no programa municipal de Recursos Educativos de Apoio á Escola, impulsado a través do Servizo Sociocomunitario Municipal.

No salón de plenos os escolares interesáronse ante a alcaldesa por diversas actuacións e servizos municipais e tamén realizaron algunhas propostas de futuro. Ferreiro respostou ás preguntas formuladas e tamén se interesou por coñecer de primeira man a visión que teñen os rapaces e rapazas da cidade, as súas preferencias no tempo de lecer…

As visitas deste programa continuarán no Concello con alumnado de sexto de Primaria o vindeiro 6 de marzo con alumnado do CEIP Ponte de Xuvia e o 17 de marzo do CPR Ayala. O programa inclúe a maiores visitas ás instalacións do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Narón (Speis), do Centro de Recursos Solidarios e da Biblioteca Municipal.